Rubicundo de
María Canosa, vai dirixido aos máis pequenos. Trata da relación entre un vello e unha nena moi curiosa que non para ata adiviñar o que fai Rubicundo cada noite cando sae da casa, montado nunha bicicleta, enriba da árbore do seu xardín. Non deixará de sorprendernos o oficio deste home e o final, un final de afectos e esperanza. Esta obra, ilustrada por
Nuria Díaz, resultou finalista do
premio Merlín, na súa última convocatoria.
O corazón da maxia de
Xavier Estévez e ilustrado por
Santi Gutiérrez, remítenos a ese mundo paralelo (que tentamos descoñecer) dos nenos e nenas enfermas e hospitalizadas. A protagonista ten unha enfermidade grave, que toma con moita filosofía, repartindo alegría pola planta tan pronto se atopa con algo de forza. O tempo compartido con outra pequena na habitación, a necesidade de contarlle un conto para defendela do medo, dan lugar a unha historia que camiña á par da real, onde dúas rapazas parten na busca dos dragóns para salvar as aldeas. Porque os dragóns fan que o mundo continúe sendo como sempre foi, achegan a seguridade de que nada malo vai pasar e hai que rescatalos, estean onde estean... e nesas andan as nosas rapazas.
Eses dous amigos, que xa tamén o son nosos, móvense polo universo de
Janosh. "Un día tigre pequeno regresou do bosque coxeando, xa non podía camiñar máis nin manterse en pé e caeu.E quedou alí tombado no chan, no medio do prado.Deseguida chegou correndo oso pequeno e preguntoulle:
–Que che pasa, tigre pequeno? Estás enfermo?
- Eu curareite, dixo oso pequeno"
As personaxes máis entrañables da literatura infantil continúan xuntas. Se sempre se prestaron coidados, agora fano máis, pois os amigos están para iso: para axudarse cando se necesita. Tenrura e humor, diálogos dunha sinxeleza universal e a dozura .É a amizade!!!!!!