Páginas

30 marzo 2015

Novos libros

A rula, o peluche e a nena de Paco Martín, acaba de saír do forno.
Unha familia de rulas con dúas fillas. Unha delas moi curiosa, descobre un oso nunha galería. Cando fala con el, cóntalle que nesa casa vai nacer unha nena, e decide agardala. Non se irá a países máis quentes, non acompañará aos pais e á irmá porque se quedará nesta casa para coñecer á cría dos humanos.
Que hai que facer neses caso? Como sobrevivir nunhas temperaturas que non che corresponden? Como alimentarse cando xa non hai sementes nos campos? Como manterse en forma no medio do inverno?
Pero a historia irá máis lonxe, porque o oso tamén quere coñecer mundo... e lograrao, vaia se o logrará!

Noutra cor, o autor diríxese á nena nunha conversa paralela á historia.



De cristal, é o título da última obra de Silvestre Gómez Xurxo que fala da vulnerabilidade. Cinco relatos, cinco, sobre a indefensión do ser humano.


Feitizo de sangue é a segunda entrega de "As crónicas de Landereina", de Sabela González.
Historias do ben e do mal, de illas de sabios e segredos de montañas, do poder e o destino, do bosque e dos feitizos, de maixas e amuletos... Son horas de retomar a triloxía das mulleres e continuar acompañándoas polos camiños da literatura.


O veleno da risa é a última entrega  de "Un misterio para Tintimán" (neste caso en Lugo)"Os planos do século III que se usaron para construír a muralla de Lugo aparecen nunha escavación arqueolóxica. O misterioso Home da Máscara consegue facerse con eses documentos e Tintimán, o reporteiro máis novo e espelido de Galicia, terá que recuperalos e desenmascarar o malvado. O delincuente está disposto a negociar: a cambio dos planos quere unha xoia castrexa, O carneiro alado, que Tintimán deberá roubar no Museo Provincial".
Despois de Corazón de chocolate (situada en Compostela), A coroa de Napoleón (situada na Coruña)
Amor de serea (en Vigo), a carretera lévanos a Lugo e a súa muralla. Sempre da man das historias de Jaureguizar e das ilustracións de José Matalobos.
Outra novela con continuidade é a de Xenaro (con x de Xan de Xiao e de Xaime), neste caso a entrega leva o título de Xenaro e a negra sombra. Mar Guerra continúa debullando historias arredor dos personaxes xa coñecidos, e acompáñase das ilustracións de Fernando Llorente Sagaseta. Outros títulos: Xenaro e o misterio da mochila verde e Xenaro e a hucha do indiano...

No hay comentarios:

Publicar un comentario