Páginas

24 abril 2013

ABRIL MES DO LIBRO

Día Mundial do Libro 
 Só un libro.
 Non sei que facer.
 Miña irmá regaloume un libro.
Un libro.
 Entre todos os agasallos que puido escoller, escolleu este.
Un libro.
 Por que?
 Que lle fixen eu?
 Míroo e remíroo.
 Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos.
 Nada.
 É só un libro.
 Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse. Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
 A ver se así reacciona.
 Non. 
Que vai reaccionar! 
 Espera. 
O libro espera.
 Non se decata de que son máis forte ca el. 
 Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio.
 Se cadra estase rindo de min. 
Crerase moi importante por ser un libro.
 Vouno abrir. 
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña eses aires de superioridade.
 Vaia! Non está nada mal. Empézame a caer simpático.
 Tan caladiño, gardando a súa historia coma quen garda un segredo.
 Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento.
 Era xusto o que eu quería. 
 Un libro.
 Este libro. 

 Paula Carballeira
 Texto escrito para as Bibliotecas Escolares de Galicia con motivo do Día Mundial do Libro 2013.

A ver se nestes días chega a nosa biblioteca!

No hay comentarios:

Publicar un comentario