Páginas

30 marzo 2013

Día Internacional do Libro Infantil



O vindeiro 2 de Abril conmemórase, tal e como se vén facendo desde o ano 1967, o nacemento de Hans Christian Andersen. A IBBY declarou esa data Día Internacional do Libro Infantil, co fin de lembrar a importancia de ofrecer  bos libros a todas as nenas, a todos os nenos, libros de calidade que esperten a súa imaxinación e os axuden a medrar como lectores e como persoas.
Cada ano, esta organización internacional encárgalle unha imaxe e un texto a autores de diferentes países para que elaboren un mensaxe dirixido a tódolos nenos e nenas do mundo. Nesta ocasión, a autora do texto é a mexicana Pat Mora e o ilustrador do cartel é o estadounidense Ashley Bryan. Logo ese cartel distribúese por todo o mundo.
A través da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) podemos acceder ao poema de Pat  Mora nas catro linguas do Estado. 

O  poema  en galego:

Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.

Oímos murmurios 
e ríos buliciosos nas súas páxinas, 
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.

Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan 
e nenos que atrapan as estrelas.

Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas, 
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

Poema de Pat Mora
Traducción: Concha Blanco

Achegádevos a  Biblioteca Municipal Castelao de Rianxo porque hai algunha actividade preparada para ese día. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario